17 mayo 2008

ELECCIÓN por Carlos Casares

Onte pola tarde, aproveitando a fermosura do día, funlle facer unha visita á mazaira. Desta vez, a pesar da chuvia e da pedra que caeu, non se está portando mal. Se as cousas non se torcen, vou ter polo menos unhas vinte mazás e non só unha, como o ano pasado. Igual que sucede cos porcos cando nacen, ou cos cans e os gatos, hai algunhas que están medrando ben, con aspecto de gordiñas, cheas de saúde, con color, e outras que se van quedando atrás, algo esmirriadas e ruíns, con cara de fame. A estas últimas, se fosen bichos, sempre se lles podería dar unha sobredose de biberón, pero neste caso supoño que non hai nada que facer. Por desgracia, eu non falo con elas, nin sequera lles digo as boas tardes, como fan algúns. Daríame algo de vergonza e sentiríame un pouco tolo. Pero se fose menos racionalista e algo máis poeta, non me importaría contarlles algún conto. Como non son capaz, conténtome con miralas, quitarlles as follas secas e comprobar se necesitan algo. Hai unha, a máis pequena de todas, que dá algo de pena. Ten pinta de ser unha calamidade: dun tamaño non superior a un garabanzo, é fea, máis parecida a unha faba que ó froito que debe ser. Por riba, está chea de pintas negras, como se un grupo de moscas se dedicasen e burlarse dela, ou a humillala, polo procedemento escatolóxico de empregala como letrina ou retrete. A pobre naceu sen sorte, como lles sucede a tantos nenos no mundo. Alguén me dixo que debía arrincala porque pode ter unha peste e contaminar ás restantes. Entendo, pero non resulta fácil elixir entre ser responsable ou ser sentimental. Se non me equivoco, sospeito que xa elixín. (20 mayo 2000)

No hay comentarios:

Paisaje